• Estatutos RedActiva.

ESTATUTOS ASOCIACIÓN REDACTIVA

(ASOCIACIÓN SEN ÁNIMO DE LUCRO DE TIPO XERAL)

 

CAPÍTULO I

DA ASOCIACIÓN EN XERAL

 

Artigo 1º.- 1.- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación “ASOCIACIÓN PARA O DESENVOLVEMENTO PROFESIONAL E SOCIAL REDACTIVA”

2.- A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.- O domicilio principal da asociación radicará na localidade de Oleiros rúa de Río Xallas, nº 53 C.P. 15173 teléfono 607958182, apdo. de correos, correo electrónico info@red-activa.es.

O domicilio poderá ser modificado, dentro da comunidade autónoma de Galicia, por acordo da Xunta Directiva.

Artigo 3º.- A asociación, en funcións dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial de comunidade autónoma de Galicia.

Artigo 4º.- 1.-A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º.- 1.- Son fins principais da asociación:

a.- Promove-lo desenvolvemento profesional dos seus membros, a través de actuacións de formación, comunicación, e convivencia.

b.- Intercambiar experiencia, coñecementos e relacións entre os membros, creando “círculos de confianza” que permita recomendar é ser recomendado.

c.- Promove-la responsabilidade social corporativa.

2.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organiza-las seguintes actividades:

a.- Actos de confraternidade e intercambio de experiencias.

b.- Actos de formación.

c.- Actuacións de asesoramento, relacións públicas.

d.- Cursos, seminarios.

e.- Actuacións de difusión da súa actividade e as dos seus compoñentes.

f.- Actuacións de carácter social ou benéfico.

Os beneficios que se obteñan pola realización de calquera actividade mercantil, comercial ou profesional pola Asociación destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II

DOS ASOCIADOS

 

Artigo 6º.

1Poderán solicitalo ingreso na asociación todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar e as persoas xurídicas tralo acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa asociación e que reúnan os seguintes requisitos:

  1. Presentación a través dun membro da asociación.
  2. Solicitude de ingreso na asociación, manifestando a súa vontade de participar activamente no desenvolvemento das actividades, contribuír con xenerosidade a asociación aportando experiencia e coñecementos, a usar en todo momento un trato educado e de respecto cos demais membros e as súas ideas e opinións, e mostrando vocación de difusión da responsabilidade social corporativa.

2.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.

  1. O número de socios é, en principio, ilimitado. A Xunta Directiva, ca aprobación da Asemblea Xeral, poderá limitalo número de socios cando así o exixan razóns de operatividade da actividade propia da asociación.

Artigo 7º.- Dentro da asociación poderán existi-las seguintes clases de asociados:

  1. Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
  2. Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
  3. Protectores, aquelas persoas que estean interesadas en contribuir o sostenemento da asociación mediante o pago das cotas aprobadas pola Asemblea Xeral para esta clase de socios.
  4. Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ó desenvolvemento dos fins da asociación.

 

Artigo 8º.

1.- A condición de asociado pérdese:

  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pago da cota, previo requerimento dirixido a tal efecto e desatendido.
  3. Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
  4. Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.- A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión será inmediatamente executivo, sen perxuízo de que deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e o acoro definitivo poderase impugnar ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 9º.- Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

  1. Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
  2. Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
  3. Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra él e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
  4. Impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.

Os Socios Protectores e Honorarios non formarán parte da Asemblea Xeral agás que tamén sexan socios fundadores ou de número. Os Socios Honorarios estarán ademáis exonerados do pago de calquera clase de cota.

Artigo 10º.- Son obrigas dos asociados e asociadas:

  1. Comparti-las finalidades da asociación, colaborar para a súa consecución e absterse de realizar calquera actividade que poida perxudica-los intereses da Asociación.
  2. Paga-las cotas que se establezan.
  3. Desempeña-los cargos para os que foron elixidos.
  4. Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
  5. Acata-lo contido dos estatutos.
  6. Ter unha boa conduta individual e cívica.

 

CAPÍTULO III

DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 11º.- A dirección e administración da asociación serán exercidas polo presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12º.

1.O presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará catro anos. Será asistido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2.- O presidente terá as seguintes atribucións:

  1. Ostenta-la representación legal e institucional da asociación perante calquera organismo público ou privado.
  2. Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; convocar e presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
  3. Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  4. Ordena-los pagamentos acordados validamente.
  5. Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13º.

1.- A Xunta Directiva estará formada polo presidente da asociación, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro, e un vocal.

2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer no desempeño destes cargos por actuacións realizadas en prol da asociación.

3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los cargos da Xunta Directiva de entre os asociados. A súa duración será por un período de catro anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

4.- Os cargos cesarán na súa función por:

  1. a) facelemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
  2. b) renuncia voluntaria.
  3. c) transcurso do prazo para o que foron elixidos.
  4. d) acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados reunidos en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para tal efecto.

En todo caso en que unha nova Xunta Directiva suceda a outra anterior se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor no prazo máximo de dez días naturais dende a proclamación da nova Xunta Directiva.

As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente por calquera asociados designado por acordo dos restantes membros da Xunta Directiva sen perxuízo da súa ratificación na seguinte Asemblea Xeral a celebrar. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro. En caso contrario, deberán convocarse eleccións.

Artigo 14º.- A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  1. Programar e dirixi-las actividades asociativas.
  2. Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
  3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
  4. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
  5. Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
  6. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
  7. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
  8. Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  9. Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
  10. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.

Artigo 15º.

1.- A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de ó menos dous dos seus compoñentes.

2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría simple de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, de tres dos seus membros, sendo dous deles necesariamente o Presidente ou Vicepresidente que o sustitúa e o Secretario.

O secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 16º.- Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Artigo 17º.- A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos socios fundadores e de número que estean ó corrente no pago das cuotas. O presidente e o secretario da asemblea serán o presidente e o secretario da Xunta Directiva.

Artigo 18º.- A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces a convoque o Presidente, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes e fotocopia dos seus DNI, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19º.- Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 10 días de antelación polo/a presidente/a.

A convocatoria dirixirase ás direccións de correo electrónico facilitadas polos socios e publicarase na páxina web da Asociación.

Artigo 20º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

  1. Aproba-lo plan de actividades.
  2. Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
  3. Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  4. Exame e aprobación das cotas.

Artigo 21º.- Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  1. Modifica-los estatutos da asociación.
  2. Elixir e cesa-los integrantes da Xunta Directiva.
  3. Aproba-la federación con outras asociacións.
  4. Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
  5. Acorda-la disolución da asociación.
  6. Designa-los/as liquidadores/as.
  7. Ratifica-la expulsión definitiva de asociados e asociadas acordada pola Xunta Directiva.
  8. Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
  9. Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 22º. A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran, presentes ou representados, a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.

Artigo 23º.- Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos presentes ou representados, excepto os relativos ós apartados do 4 o 6 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos dos presentes ou representados. A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser aprobada polo Presidente e por dous socios designados a estes efectos durante a Asemblea nos dez días seguintes a súa celebración:  no seu defecto deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24º.- Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente  procederase, no seu caso, por parte do secretario á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada se non o fora previamente na forma prevista no artigo anterior.

Posteriormente, o secretario procederá a presenta-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

O Presidente decidirá o número e extensión das intervencións que considere precisas para o debate de cada punto.

 

Artigo 25º.- Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos potestativamente en reposición diante da Asemblea Xeral dentro dos 40 días seguintes a súa adopción. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º.- 1. O secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.

  1. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario, o presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

Artigo 27º.- 1. O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así como as contas de resultados e balances.

  1. O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.

Artigo 28º.- Os vocais terán as seguintes atribucións:

  1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
  2. Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

 

CAPÍTULO IV

RÉXIME ECONÓMICO

 

Artigo 29º.- A asociación no momento de inicia-las súas actividades dispón dun patrimonio de sesenta euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 30º.- A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos.

Artigo 31º.- A asociación manterase dos seguintes recursos:

  1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
  2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
  3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 32º.- A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las necesidades da asociación.

Artigo 33º.- Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, coincidindo coa convocatoria da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

 

Artigo 34º.- Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.

 

Artigo 35º.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.

 
CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

 

Artigo 36º.- O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.

 

 

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

 

Artigo 37º.- Os estatutos poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

 

Artigo 38º.- A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 39º.- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

 

Artigo 40º.- O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación, a cal será designada pola Asamblea Xeral Extraordinaria que acorde a disolución ou, no seu defecto, polos liquidadores.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.